top of page

Despois do 13 de novembro do 2015

Despois dos atentados de París quedamos desnortados. Foi un punto de inflexión; como premisa xeral aceptabamos o feito de que a atención ao refuxiado por parte de Europa debería ser incuestionable. O Mediterráneo non podía aceptar máis corpos como os de Aylan. Pero necesitabamos unha catarse. Esta veu da man da poesía e de Celso Emilio Ferreiro.

    TEMPO DE CHORAR

 

Hei de chorar sin bágoas duro pranto
polas pombas de luz aferrolladas,
polo esprito vencido baixo a noite
da libertá prostituída.
As espadas penduran silandeiras
coma unha chuvia fría diante os ollos
e teño que chorar na sombra fuxidía
diste pútrido vento
que arromba a lealtá e pon cadeas
no corazón dos homes xenerosos.

Pois que somente os ollos me deixaron
para chorar por iles longos ríos,
hei navegar periplos, descubertas
por tempos que han de vir cheos de escumas,
por onde o día nasce,
alí onde xermola o mundo novo.
Pois que o que chora vive, iremos indo;
indo, chorando, andando,
salvaxe voz que ha de trocarse en ira,
en coitelo de berros i alboradas
para rubir ao cumio dos aldraxes.

E pois que cada tempo ten seu tempo,
iste é o tempo de chorar.

                   O CAN DANADO

 

Igoal que un can danado nos camiños
o terror anda solto polo mundo.
Semella un vento negro que pousase
súas azas de corvo
sobre a frente dos homes temerosos.
Un xelo de invernía en descampado
paraliza os relós, perfura as gorxas
e pon veos de anguria nas palabras.
Un grande telescopio nos vixía
coma un ollo de Cíclope
que sigue os nosos pasos
e fita sin acougo o noso rumbo,
dende tódalas fiestras,
dende tódalas torres,
dende tódalas voces que nos falan.
A noite é un micrófono impasíbel
que escoita o latexar do noso peito,
coma un escuro espía que espreitase
os nosos pensamentos máis segredos.
Todo se troca en cousa inconfesábel;
detrás de cada esquina unha sospeita,
unha duda detrás de cada sombra,
e medo, medo, medo,
un pozo profundísimo de medo,
espello de auga fría
no que o terror se mira eternamente.

ESPRANZA


Erguerémo-la espranza
sobre ista terra escura
coma quen ergue un facho
nunha noite sin lúa.
Marcharemos cinguidos
polos duros segredos
dunha patria soñada
á que non voltaremos.

Non saberán o camiño
que pra entón colleremos.
Longos ríos de brétema,
longos mares de tempo.

Tripulantes insomnes
na libertá creemos.
viva, viva;decimos
aos que están no desterro
e soñan cun abrente de bandeiras ao vento

Adictos da saudade
que levades a luz polos vieiros.
¡Saúde a todos,
compañeiros!


Celso Emilio Ferreiro:

Longa noite de pedra (1962). 

           POEMA NUCLEAR

 

 

¡Que ben, que bomba ven co seu rebombio!

A bomba, ¡bonf!, a bomba, bon Amigo...

A bomba con aramios, con formigas,

con fornos pra asar meniños loiros.

A bomba ten lombrices, bombardinos,

vermes de luz, bombillas fluorescentes,

peixes de chumbo, vómitos, anémonas,

estrelas de plutonio plutocrático,

esterco de cobalto hidroxenado

, martelos, ferraduras, matarratos.

A bomba, bong. A bomba, bon Amigo.

Con átomos que estoupan en cadeia

E creban as cadeias que nos atan:

Os outos edificios. Os outos funcionarios.

Os outos

Os outos fiñanceiros.

Os outos ideais.

¡Todo será borralla radioaitiva!

As estúpidas nais que pairen fillos

Polvo serán, mais polvo namorado.

Os estúpidos pais, as prostitutas,

as grandes damas da beneficencia,

magnates e mangantges, grandes cruces, altezas, excelencias, eminencias,

cabaleiros cubertos, descubertos,

nada serán meu ben, si a bomba vén,

nada o amor, e nada a morte morta con bendiciós e plenas indulxencias.

¡Que ben, que a bomba ven! Nun instantiño

a amable primavera faise cinza

de vagos isotopos placentarios,

de letales surrisas derretidas

baixo un arco de átomos triunfaes.

A bomba, ¡bong! A bomba co seu bombo

de setas e volutas abombadas,

axiña ven, vela ahí ven, bon Amigo.

Estanos ben! ¡Está ben! Está bon!

¡¡¡Booong!!!

 

 

Celso Emilio Ferreiro:O soño sulagado (1955).

bottom of page